Thursday 02 de May de 2024

A Xunta continúa potenciando a igualdade de xénero nos ámbitos da ciencia, investigación e tecnoloxía


A secretaria xeral da Igualdade presidiu esta mañá a sesión plenaria da Unidade, no que se presentou o último borrador do II Programa galego de Muller e Ciencia

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella presidiu a sesión plenaria da Unidade da Muller e Ciencia, no que se presentou o último borrador do II Programa galego de Muller e Ciencia para por en marcha políticas de igualdade nos ámbitos da ciencia, investigación e tecnoloxía.

Na reunión, presentouse o II Programa de Muller e Ciencia, que está en fase de elaboración, estando estruturado en tres eixes estratéxicos, que son o cambio institucional e de organización; a presenza equilibrada de mulleres e homes no sistema de ciencia, tecnoloxía e innovación; e o terceiro eixe de perspectiva de xénero nos procesos e procedementos de traballo.

Por outra banda, López Abella lembrou a figura de María Josefa Wonenburger, a matemática coruñesa que foi un referente internacional no ámbito das ciencias, e fixo referencia á boa acollida que tivo o itinerario da exposición sobre as mulleres que obtiveron o Premio titulada, Premiadas María Josefa Wonenburger Planells, que recorreu os sete campus universitarios de Galicia e actualmente atópase exposta en San Caetano.

A secretaria xeral de Igualdade indicou que a visibilidade das actividades destas mulleres e do seu triunfo é unha combinación gañadora, por iso debese seguir recoñecendo ás mulleres científicas de Galicia, mulleres que souberon adiantarse ao seu futuro e que abriron camiños a moitas outras. Unha maior presenza de mulleres na investigación contribuiría a enriquecer a actividade científica coa achega de novos temas e perspectivas.

A presidencia do pleno da Unidade Muller e Ciencia recae na Secretaria Xeral da Igualdade, e a Unidade Muller e Ciencia creouse en 2007 coa finalidade de contar cun área de traballo interdepartamental estable que dinamice e transforme a ciencia e a tecnoloxía galega, co obxectivo de que as actuacións dende a perspectiva de xénero no ámbito social, tecnolóxico e educativo son estratéxicas para avanzar cara un modelo de sociedade máis xusta e acorde coas necesidades actuais.